Carlos Baliñas Pérez

Os usos sociais do cognomentum na Galicia altomedieval e a posible influencia do Camiño de Santiago

No contexto da progresiva densificación e estratificación social da Gran Galicia altomedieval ó longo dos séculos IX a XI, vaise constatando como a identificación dos individuos polo nome persoal e o patronímico xa non resulta plenamente operativa e enxendra confusións. Xorde entón un novo termo apelativo, o cognomento, cuxo funcionamento á pesar da homonimia non é exactamente igual que o do cognomentum da latinidade clásica. Nesta palestra analizaremos como xorde a partir de hipocorísticos, alcumes, orixes xeográficas, datos persoais ou profesionais; como se transmite no seo da familia e/ou deixa pegadas toponímicas, como irá dando lugar a futuros apelidos; as determinacións sociais do seu uso nun marco de crecente señorialización da sociedade galaica e a influencia que os contactos ca cultura islámica e co occidente europeo (a través da peregrinaxe xacobea e o Camiño de Santiago) exercen neste novo modelo de identificación persoal. A nosa perspectiva non será tanto filolóxica, senón dende o punto de vista do historiador social, partindo da premisa de que cada formación social xera os seus propios modelos de singularización e encadramento colectivo do individuo e do grupo familiar.

Carlos Baliñas Pérez é Doutor en Historia e Profesor Titular de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo). O seu campo de investigación prioritario é a Historia Social da Galicia Altomedieval (anos 700-1100), tendo como liñas subsidiarias o estudo da paisaxe histórica, a proxección social do urbanismo medieval galego e as orixes do artellamento territorial de Galicia.