José Carlos Sánchez Pardo

Topónimos e o estudo histórico da paisaxe ó redor dos camiños de Santiago en terras galegas

Nesta presentación trataremos de reflexionar sobre a potencialidade —e as limitacións— da toponimia como fonte para o coñecemento da historia do territorio galego. Para iso debemos partir de dúas necesidades metodolóxicas. Por un lado, a importancia da colaboración interdisciplinar, e por outro, a necesidade de combinar a análise etimolóxica e semántica dos topónimos co estudo da dimensión espacial dos mesmos, cartografados nun mapa, concibidos como sistemas, e abordando a relación que presentan cos demais elementos da paisaxe en que se insiren. Desde esta perspectiva presentaremos varios casos de estudo da información histórica contida en diversos topónimos localizados arredor dos camiños de Santiago en Galicia.

José Carlos Sánchez Pardo é profesor contratado doutor na área de Arqueoloxía da Universidade de Santiago. Na súa traxectoria investigadora tense centrado no estudio das paisaxes medievais en Galicia a través da combinación de fontes textuais, arqueolóxicas e toponímicas.