Paula Bouzas

O Tombo de Iria: Fonte de información toponímica en terra de tradición xacobea

O Tombo de Iria, conservado no Arquivo da Catedral de Santiago, foi elaborado no ano 1457 para documentar os dominios de Santa María de Iria nun contexto de conflito coa diocese de Compostela. No tombo vanse mencionando e describindo os lugares da contorna, fortemente ligada á tradición xacobea, así como tamén algunhas das persoas que os habitan, polo que o texto, mais alá do seu interese histórico e lingüístico, representa unha fonte importante dende o punto de vista onomástico. Esta contribución, na que se presentará brevemente a edición filolóxica, en proceso de elaboración, centrarase sobre todo na dimensión toponímica e naquelas cuestións que resultan de especial relevancia neste campo.

Paula Bouzas é filóloga doutorada en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus ámbitos de investigación figuran a edición de textos medievais, a lingüística histórica e a onomástica. Actualmente traballa como docente no departamento de Lingüística Románica da Universidade de Gotinga (Alemaña).