Nas últimas décadas Galicia converteuse nunha referencia nos estudos de onomástica en Europa, tanto na toponimia coma na antroponimia. Os estudos toponímicos teñen aquí, desde o labor precursor de Martín Sarmiento, no século XVIII, unha longa tradición e víronse impulsados nos últimos anos do XX polo traballo da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, que acometeu a tarefa de revisar o Nomenclátor de Galicia.
Seguindo ese ronsel, coidamos que os tempos son chegados para a celebración dun congreso internacional en que Galicia se mostre á vangarda deses traballos de investigación co foco nun aspecto crucial para a nosa cultura e a cultura europea: o Camiño de Santiago.
O camiño (ou mellor, os camiños) que traen os peregrinos a Santiago de Compostela son unha fonte inesgotable de toponimia de moitos países e en moitas linguas, nomes xeográficos ben coñecidos, especialmente as localidades que inician e pechan os distintos treitos susceptibles de facer nunha xornada. Non obstante, aqueles lugares e paraxes (camiños, fontes, muíños, propiedades rústicas…) que se encontran entre un e outro punto teñen pouca visibilidade e non son moi coñecidos polos camiñantes nin polos estudosos da toponimia; nun bo número de casos só se conservan na memoria local e corren risco de desaparecer desa memoria porque, co abandono do territorio máis rural, non hai necesidade de transmisión.

O autor traduce o termo árabe Jalikiah (Galicia) por Reino de León. Fonte: Wikipedia
As institucións propoñentes, a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Onomástica son en Galicia fornecedoras de ferramentas pioneiras no ámbito da onomástica.
Pola súa parte, a RAG impulsou Galicia Nomeada, o extinto Proxecto Toponimia de Galicia e o portal Toponimia de Galicia. Tamén a Cartografía dos Apelidos Galegos, xunto co ILGa, quen sostén unha sección de Onomástica que nace da súa participación no proxecto internacional PatRom, de estudo dos apelidos románicos desde a década de 1990; e, xunto coa AGOn, a colección Terra nomeada que estuda a toponimia dos concellos galegos. Ademais, a AGOn promoveu anteriormente dous Congresos Internacionais sobre onomástica galega, en Santiago (2002) e Pontevedra (2006); este congreso suporía o terceiro deles. O Instituto da Lingua Galega, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, acolle os investigadores que elaboraron o Nomenclátor e moitos dos membros da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia; e tamén sede dun proxecto de investigación sobre a toponimia de toda la península ibérica que reúne os mellores especialistas na materia.

Copia de 1959 do orixinal de 1375. Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Fonte: Wikipedia
Toda esta actividade posibilita estas institucións para se constituíren en elos vertebradores e impulsores dos novos estudos toponímicos en Europa, a través dunha chamada ó inicio dos estudos científicos sobre a toponimia dos Camiños de Santiago. E é un obxectivo principalmente filolóxico pero non só. Queremos que o europeísmo e tamén a multidisciplinaridade percorran estas xornadas: a aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía, o turismo, a rehabilitación do patrimonio… serán outros dos distintos eixes deste Congreso.
Así, atenderon a chamada, tanto a participar no comité científico como a presentar os seus traballos, investigadores de distintas universidades galegas, españolas e europeas, e doutras institucións, como o Centre National de la Recherche Scientifique (Francia), a Euskaltzaindia, o Institut d’Estudis Catalans, a Academia Valenciana de la Llengua, o Instituto Geográfico Nacional (Madrid), a Dirección Xeral de Política Lingüística e o Instituto de Estudos de Territorio da Xunta da Galicia. O obxectivo é principalmente filolóxico, pero non só. Queremos que o europeísmo e tamén a multidisciplinaridade percorran estas xornadas: a xeografía, a historia e a cartografía serán outros dos distintos eixes deste Congreso.