Valentín García Gómez

A toponimia: compoñente lingüístico, cultural e turístico do Camiño

Nesta comunicación falaremos da toponimia como patrimonio cultural pola información lingüística e histórica que nos achegan os nomes dos lugares situados nas distintas rutas xacobeas que vertebran Galicia. 

Os camiños de Santiago foron durante moitos séculos un espazo de encontro de linguas, culturas, tradicións e rituais de xentes procedentes de toda Europa que deixaron pegada nalgúns dos nosos topónimos e que poden resultar fundamentais para entender a identidade galega. Camiños de ida e volta a través dos cales tamén compartimos a nosa cultura.

Desde a Secretaría Xeral de Política, en colaboración coa Real Academia Galega, estamos a desenvolver o proxecto colaborativo Galicia Nomeada, cuxo obxectivo é a salvagarda e difusión da microtoponimia galega; un exitoso modelo de modernización, divulgación e participación cidadá na recuperación e difusión deste patrimonio. 

Esta información é, sen dúbida, un aliciente máis para que os peregrinos descubran e coñezan as singularidades do territorio que pisan. A proxección cultural da nosa rica e abundante toponimia ten unha rendibilidade turística coa que poderemos abrir unha ventá ao mudo para dar a coñecer a nosa terra e nisto xogan un papel fundamental as novas tecnoloxías. Deste xeito, o camiñante poderá descubrir a través dunha aplicación unha información xeográfica, antropolóxica, histórica, fitonímica, zoonímica, lendaria… que lle permitirá saber máis da nosa cultura e, ao mesmo tempo, garantirá a pervivencia da memoria colectiva do pobo galego.

Valentín García Gómez. Licenciado en Filoloxía Galega. Postgrao e Máster en Administración Local (USC)
Técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Estrada, dirixiu os Departamentos de Cultura, Normalización Lingüística, Emigración e Xuventude deste Concello e realizou ademais actividades de dinamización socio – cultural.

Foi coordinador técnico da Rede de Dinamización Lingüística, colaborou no seu deseño e posta en marcha.

Colaborou na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Ten publicados artigos e estudos sobre sociolingüística e a necesidade de formular políticas lingüísticas adaptadas á realidade social de Galicia.

Na actualidade é Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Universidades), dirixindo este departamento, que regula a política lingüística do galego dentro de Galicia e no exterior.