Vicente Feijoo Ares

A microtoponimia relacionada co trazado das rutas xacobeas en Galicia

Falaremos das pegadas toponímicas dos Camiños de Santiago a través da análise dos topónimos maiores e, sobre todo, menores situados a carón das distintas rutas xacobeas que vertebran Galicia: O Camiño Francés, a Vía da Prata, o Camiño Portugués, o Camiño Inglés, o Camiño Primitivo…

Mostraremos nun visor os topónimos que se repiten nos distintos trazados cuxa relación co Camiño é sobradamente coñecida como Hospital, Alberguería, Camiño, Francos, O Camiño Real, A Calzada, Santiago… 

Pero a novidade deste estudo está na localización e análise doutros moitos microtopónimos motivados polo secular paso de peregrinos por estes vieiros: O Camiño do Milagre, A Pena dos Tormentos, O Camiño dos Perdidos, A Pereira do Bispo, A Fonte dos Peregrinos, A Fonte Santa, A Corga dos Maragatos…, e acompañados, nalgúns casos, polas historias reais ou fantásticas de tradición oral forxadas arredor destes topónimos. 

Presentaremos un corpus de nomes de terras, de fontes, de penedos, de corredoiras… que identifican espazos sagrados ou profanos, pero todos eles son topónimos que, directa ou indirectamente, testemuñan o trazado dos Camiños.

Vicente Feijoo Ares. Nativo do Riós (Ourense), a terra da castaña. Licenciado en Filoloxía Galego‑portuguesa pola USC. Realizou o doutoramento no departamento de Lingüística da facultade de Filoloxía. Actualmente está en proceso de elaboración dunha tese de doutoramento sobre Os nomes dos penedos en Galicia: motivacións, cultos, ritos e lendas.

Leva 22 anos traballando coa toponimia galega. Foi un dos coordinadores do desaparecido Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) e actualmente é o coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, ademais de coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, creador da campaña de divulgación Toponimízate e asesor dos micro-documentais Os nomes da nosa terra.

É membro do Seminario de Onomástica da RAG, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, da Asociación Galega de Onomástica e da Comisión Especializada de Nombres Geográficos (Instituto Geográfico Nacional – Ministerio de Fomento).