Xosé Mª Lema Suárez

Topónimos con historia do camiño de Santiago a Muxía por Brandomil

Nesta comunicación trataremos algúns nomes de lugar relacionados co mundo xacobeo da ruta de Santiago a Muxía e á ría de Camariñas, seguindo o antiquísimo camiño que atravesaba o río Xallas pola ponte de Brandomil. Nela hai mosteiros —despois priorados— como os de Santo Antoíño de Baíñas, San Martiño de Ozón e San Xián de Moraime, este de grande importancia para a historia de Galicia medieval e para o mundo xacobeo. Salientaremos tamén a importancia de Santiago de Cereixo, igrexa que conta co relevo en pedra máis antigo da translatio do corpo do Apóstolo a Galicia. Algúns enclaves deste camiño foron testemuños, ademais, de feitos históricos, como a Ponte Maceira e as torres de Altamira. A comunicación ten carácter divulgativo, de aí que a acompañemos de imaxes ilustrativas.

Xosé Mª Lema Suárez (Bamiro-Vimianzo 1950), catedrático de Xeografía e Historia de E. S. e doutor en Historia da Arte. Membro da AELG, de AGOn e correspondente da RAG. Ten publicacións de temática diversa (historia, historia da arte, etnografía, lexicografía e onomástica): Bamiro. Un estudio do hábitat rural galego (1977) [Pedrón de Ouro de Etnografía 1976]; A Arte Relixiosa na Terra de Soneira (Premio Losada Diéguez de Investigación 1993); Un novo documento de D. Juan Antonio Posse: a “Plática Tercera” (1838) [1998]. En solitario ou en colaboración, entre outros: O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira (1998), Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte(2011), A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (2010), Zas polo miúdo (2020). É coautor dos dicionarios de Edicións Xerais e do Dicionario de Nomes Galegos (1992). A súa única novela, Costa do Solpor (2013) foi Premio da Crítica Galicia 2014. No eido da onomástica publicou: Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000) [AGOn 2006); “A onomástica da novela Costa do Solpor” (2017), “Os primeiros apelidos dunha parroquia galega: Berdoias (séc. XVII)”.