Notas sobre a toponimia menor do concello de Sobrado na época medieval: vereas e casais no camiño a Compostela
Algunhas das persoas que se dirixían a Compostela na época medieval, atravesando o condado de Présaras, tiñan de cruzar o territorio que hoxe enforma o concello de Sobrado, famoso polo seu mosteiro. O obxectivo desta achega é reflectirmos sobre certos topónimos que aparecen nos documentos medievais redixidos polos notarios do cenobio, xa que, quizais, determinados lugares a que dan nome esas toponimias fosen transitados por aquelas mulleres e homes no seu percurso cara ao occidente. Varias son aínda hoxe facilmente recoñecíbeis (Colimbrianos → Cumbraos, Ruadi → Roade, villa Maure → Vilamor etc.), mais outras, polo contrario, caracterízanse por teren unha correspondencia máis complicada de verificar ou localizar (villa Marzani, villa Teodani etc.).

Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973) é profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña. As súas principais liñas de investigación son a gramática do galego contemporáneo, a linguaxe literaria e a variación lingüística, mais tamén ten dedicado parte das pescudas académicas ao estudo da onomástica, nomeadamente da toponimia.